O Día Internacional da Muller e o Premio Olga Gallego
A Fundación Olga Gallego entregará o IV premio de investigación en arquivos o próximo día 8 de marzo de 2021.
A elección desta data non foi por casualidade, escollémola deliberadamente, e así seguirá sendo nos anos vindeiros. Queremos que o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, sexa o día no que se entrega o premio que mantén viva a memoria de Olga Gallego, muller, profesional, arquivista, historiadora, ocupada e preocupada polas mulleres e a súa posición no mundo e na vida.
E, deste xeito, vinculando a memoria de Olga ao do Día Internacional da Muller a través da entrega deste premio, reivindicamos nós tamén, naturalmente, a igualdade entre homes e mulleres en todos os ámbitos da vida, como a nosa mestra promoveu e polo que traballou activamente.