Declaración da Fundación Olga Gallego
A Fundación Olga Gallego está, por estatutos, consagrada á figura de Olga Gallego. E dada a biografía, carácter e achega científica de Olga Gallego, é unha organización feminista. Lembremos que a persoa que dá nome á nosa Fundación escolleu, nunha época en que a saída profesional da muller, salvo a súa "predestinación" ao fogar e á crianza dos fillos, era o convento ou o maxisterio, escolleu, repetimos, unha carreira administrativa e unha actividade investigadora. E non porque carecese de atractivos, senón porque prescindiu das relacións sentimentais, o que non impediu, rompendo os tópicos, ter unha relación de amistade e colaboración con varóns. Parécenos, por tanto, un modelo que ofrecer ás mozas que se inician na vida profesional e académica, sen que por iso fagamos apoloxía da solteiría. Adherímonos así ás manifestacións do 8 de marzo, e á causa feminista.