facebooktwittertwitter
novas_actualidade
emilia_pardo_bazan,_de_costas,_ante_as_torres_de_meiras_en_construcion.jpg

Pazo de Meirás

Xaneiro de 2021

Ante a polémica suscitada polo destino do Pazo de Meirás, a Fundación Olga Gallego estima que debe facer pública a súa postura.

Ante a polémica suscitada polo destino do Pazo de Meirás, a Fundación Olga Gallego estima que debe facer pública a súa postura, pola súa vinculación cunha figura feminina relevante, unida ao campo das letras e ao da Academia Galega como foi Olga Gallego.

1º En primeiro lugar, manifesta a súa satisfacción porque o pazo e o seu contido pasen ao dominio público.

2º Respecto ao seu futuro administrativo, independentemente da súa titularidade, estimamos que a súa xestión debería corresponder a un padroado no que estivesen presentes todas as administración públicas que estiveron involucradas no proceso da súa recuperación ao dominio público: Concello de Sada, Deputación da Coruña, Xunta de Galicia e Administración do Estado. E lembramos que o pazo, amén de gastos é de suponer que tamén orixinará ingresos, posiblemente moi significativos, en canto se abra ao público unha vez definido o seu programa expositivo.

3º Estimamos que o pazo debe dedicar un espazo considerable a reivindicar a memoria de dona Emilia Pardo Bazán, figura literaria de primeira orde no campo da literatura galega e española, de muller libre, feminista, e socialmente avanzada, a quen o franquismo ninguneou, e cuxos testemuños documentais, biblioteca e correspondencia (especialmente as cartas de dona Emilia con Pérez Galdós) sufriron perdas e extravíos aínda non aclarados.

4º Estimamos que oitenta anos de ocupación do pazo expropiado irregularmente en beneficio da familia do ditador fan de Meirás un símbolo do que significou o franquismo, de ineludible lembranza. Por iso, estimamos que a memoria democrática non debe soslaiarse, porque que esquece o seu pasado está condenado a repetilo, e constitúe un deber da presente transmitir esta mensaxe a futuras xeracións. E tamén debe recibir un recoñecemento o movemento cidadán que soubo levar a bon fi o proceso de recuperación do pazo e o seu contido.

* Imaxe tomada de Wikimedia Commons: By Unknown author - Fonte: Arquivo Pardo Bazán, Public Domain, https://commons.wikimedia.org/w/index.php?curid=94262054