#EmpoderarOsArquivos
A Fundación Olga Gallego súmase á celebración da Semana Internacional de Arquivos que promove o Consello Internacional dos Arquivos baixo lema, este ano, de Empoderar os Arquivos: inclusión, colaboración, transparencia. Son valores nos que se recoñece e que informan a súa actividade desde a súa creación no ano 2014.
Empoderar os Arquivos significa promover a formación profesional e fomentar entre as novas xeracións de arquivistas a investigación que explore o territorio do coñecemento arquivístico e as súas marxes. Eis, por exemplo, a IV edición do Premio Olga Gallego de Investigación en Arquivos, que premiou o traballo de Jonas Ferrigolo Melo sobre o “Arquivamento dos websites do Goberno Federal Brasileiro”.
Significa tamén abrirse á colaboración das entidades e de arquivistas de España e doutros países, que participan nas súas actividades a través de convenios específicos ou de encontros como "Sumando miradas", que estamos a celebrar nestes momentos.
Por fin, a Fundación Olga Gallego busca ese empoderamento a través da transparencia de todas e cada unha das obrigas que integran o seu Compromiso ético, que informa en todo momento a súa actividade pública.