facebooktwittertwitter
fundacion
Fundación Olga Gallego

Compromiso ético

Declaración

O compromiso ético da Fundación Olga Galego quere ser, en primeiro lugar, a resposta ás necesidades da sociedade arquivística galega, demandas que en ningún caso deben ser confundidas coas económicas que se relacionan cos mercados financeiros, nin tampouco coas estritamente políticas, dirixidas polas institucións públicas, senón con aquelas que atopan o seu ámbito de actuación na liberdade creativa, na responsabilidade social e nos principios dunha sociedade cívica e democrática.

En segundo lugar, a Fundación pretende promover aquelas peticións sentidas por toda esa comunidade que non se atopan debidamente atendidas. Por iso quere converterse nun instrumento para detectalas, asumilas e xestionalas creando as ferramentas necesarias de reflexión para desta forma fomentar o intercambio de ideas entre todos os profesionais dos arquivos.

En terceiro lugar, quere converterse no espazo idóneo para desenvolver compromisos éticos a longo prazo afastados dos imperativos conxunturais e cortoplacistas.

Finalmente, intentará transmitir estes valores éticos a todas as institucións sociais coas que colabore e coopere, fortalecéndoos entre todas as persoas que traballen por e para a Fundación.

Para o mellor cumprimento destes principios, os membros do Padroado da Fundación Olga Galego asinamos o seguinte compromiso ético:

Compromisos xerais

1. Ao libre e fluído intercambio de información con todas as persoas relacionadas cos obxectivos e intereses da Fundación, e a ser transparentes nos procesos de toma de decisións.

2. A desempeñar con altruísmo, xenerosidade e vocación de servizo as actividades que teñan que ver cos obxectivos solidarios da Fundación, en especial cos novos arquiveiros de Galicia, coa igualdade de xénero ou cos colectivos profesionais que o precisen, relacionándonos cos demais desde unha permanente disposición ao diálogo.

3. A tratar a todas as persoas co mesmo respecto e a non aceptar ningún tipo de discriminación ou favoritismo, de xeito que gocen de iguais oportunidades de conseguir as axudas, premios e ou calquera outro tipo de apoio que poida outorgar a Fundación.

4. A actuar con obxectividade e imparcialidade no recoñecemento dos méritos e capacidades dos demais sen discriminar por motivos de xénero, raza, crenza, nacionalidade ou orientación sexual.

5. A que as actuacións da Fundación se suxeiten aos principios de seguridade e fiabilidade na toma de decisións de modo que respondan ao maior rigor técnico, e a asumir as consecuencias derivadas delas.

6. A ser extremadamente escrupulosos co tratamento da información de especial relevancia á que teña acceso a Fundación, particularmente  coa súa utilización, e a impedir o seu emprego como fonte de información privilexiada.

7. A antepoñer os intereses xerais, non aproveitando a posición dos patróns para o beneficio persoal, e a observar un comportamento honesto e exemplar en todo o que se refira á xestión da Fundación.

8. A ser prudentes cos investimentos e a utilizar de forma austera os bens da Fundación, os recursos financeiros propios para a consecución dos fins fundacionais, sen esquecer os fins sociais da mesma.

9. A participar activamente na boa marcha do Padroado, o que esixe que estea composto por un número de membros que garanta un funcionamento eficaz e eficiente, e que a súa vez asegure a independencia do criterio dos patróns na toma de decisións.

Compromisos de funcionamento das persoas que forman parte do padroado:

1. Cumprirán estritamente a lei e as normas, en todo momento e no territorio, así como os compromisos e obrigas asumidas pola Fundación nas súas relacións contractuais con terceiros. Deberán coñecer as leis e regulamentacións que afecten ao exercicio dos cargos e a asinar  este compromiso ético.

2. Gardarán o segredo das deliberacións do Padroado, e en xeral, absteranse de revelar informacións ás que tivesen acceso no exercicio do cargo, así como de empregalas en beneficio propio ou de persoas vinculadas a eles.

3. Non realizarán operacións comerciais ou científicas coa Fundación a título persoal.

4. Non poderán facer uso dos activos da Fundación nin valerse dos cargos para obter unha vantaxe patrimonial agás que se satisfixese unha contraprestación axeitada ou se tratase dun servizo estandarizado.

5. Non poderán empregar o nome da Fundación nin os cargos para realizar actuacións por conta propia, nin aproveitar en beneficio propio ou no das persoas vinculadas a eles, unha oportunidade de negocio.

6. Observarán as seguinte regras de actuación en relación cos posibles conflitos de interese:

  1. Actuar en todo momento con profesionalidade e con lealdade á Fundación independentemente de intereses propios ou de terceiros.
  2. Absterse de intervir na adopción de decisións que afecten á Fundación coas que exista conflito de intereses, de participar nas reunións que traten ditas decisións e de acceder a informacións confidenciais que estean relacionadas co citado conflito.
  3. Comunicar ao presidente ou ao secretario do Padroado a situación de conflito.

Considerarase que existe conflito de interese cando se produce unha colisión directa ou indirecta, entre o interese persoal do patrón e os intereses da Fundación. Existirá interese persoal do patrón cando o asunto afecte directamente ao patrón ou a unha persoa con el vinculada.

Na memoria de actividades anuais sinalaranse as situacións de conflito nas que se atopen os patróns.

7. Os patróns e as persoas vinculadas a eles non poderán dar nin recibir regalos ou obsequios no exercicio dos cargos.

8. Comunicarán á Fundación calquera cambio na súa situación profesional ou de calquera outra natureza que afecte o exercicio das súas funcións.

9. Deberán acudir ás reunións do Padroado ás que sexan convocados. Deberán tamén:

a) preparar e informarse adecuadamente sobre os asuntos a tratar nas citadas reunións.

b) participar nas reunións de maneira que os seus criterios e coñecementos axuden a adopción de acordos.

c) realizar as actuacións necesarias para o cumprimento dos acordos das reunións e realizar aquelas outras que lles encomendase o Padroado ou o Presidente para desenvolver as actividades da Fundación con esmero e lealdade.

10. Comprometeranse a empregar como ferramenta de transparencia a internet. A través dela a Fundación dará a coñecer a súas actividades, fins e principios. Como mínimo será de coñecemento público:

a) Os Estatutos

b) A composición do Padroado

c) Este compromiso ético

d) As contas anuais

e) A Memoria de actividades

11. Terán a consideración de persoas vinculadas aos patróns:

  1. O seu cónxuxe ou a persoa con análoga relación de afectividade.
  2. Os ascendentes, descendentes, irmáns do patrón ou do cónxuxe ou a persoa con análoga relación de afectividade do patrón.
  3. Os cónxuxes ou as persoas con análoga relación de afectividade dos ascendentes, descendentes e dos irmáns do patrón.
  4. As entidades nas que o patrón ou as súas persoas vinculadas, por si ou por persoa interposta, se atopen nalgunha das situacións de control establecidas pola Lei.
  5. As entidades e sociedades nas que o patrón ou calquera das persoas vinculadas, por si ou por persoa interposta, exerza un cargo de administración ou dirección ou das que perciba emolumentos por calquera causa, sempre que, ademais, o patrón exerza, directa ou indirectamente, unha influencia significativa nas decisións financeiras e operativas de ditas entidades ou sociedades.

Se os patróns son persoas xurídicas, entenderase que son persoas vinculadas as seguintes:

  1. Os socios que se atopen, respecto do patrón persoa xurídica, nalgunha das situacións de control establecidas pola lei.
  2. O representante, os administradores, de dereito ou de feito, os liquidadores e os apoderados con poderes xerais do patrón persoa xurídica.

As persoas que respecto do representante do patrón persoa xurídica teñan a consideración de persoas vinculadas de conformidade co que establece no apartado anterior para os patróns persoas físicas.

Modificación

Poderá modificarse este compromiso á iniciativa:

  • do 25 por cen de membros do Padroado,
  • do Presidente
  • ou do Secretario.

Aprobarase mediante acordo adoptado por maioría absoluta dos patróns asistentes

O Padroado comprométese á súa actualización para adaptalo á evolución normativa e as necesidades da Fundación.