Lola Pereira Oliveira é licenciada en Xeografía e Historia, especialidade en Historia de Galicia pola Universidade de Santiago de Compostela, e formouse en arquivística na Escola Obradoiro de Arquivos do Arquivo do Reino de Galicia.
Funcionaria do corpo facultativo de arquivos da Xunta de Galicia, exerceu como arquiveira en diversos concellos de A Coruña, Lugo e Pontevedra; actualmente traballa no Arquivo Histórico Provincial de Lugo, do que é directora.
Membro da Asociación de Arquiveiros, Bibliotecarios, Museólogos e Documentalistas de Galicia (BAMAD – Galicia, anteriormente ANABAD – Galicia), e de diversos grupos de traballo, entre eles do grupo de traballo de arquiveiros de Galicia.
Docente colaboradora da EGAP (Escola Galega de Administración Pública), do INAP (Instituto Nacional de Administración Pública), da Escuela Nacional de Selección y Formación do Ministerio de Administraciones, Públicas, da Universidade de Santiago de Compostela, de ANABAD – Galicia, etc. para cursos de arquivo.
Coordinou os programas de bolsas da Xunta de Galicia para a organización de arquivos municipais e os dedicados á elaboración do Censo Guía de Arquivos de Galicia, desde 1994 ata a actualidade en diversas campañas, e exerce a titoría de prácticas externas dos alumnos de grao das tres universidades galegas e da UNED desde 2001 ata a actualidade.
Ten participado en diversos congresos e xornadas como asistente ou presentando algúns relatorios ou comunicacións, nos mesmos, como ”Dona Olga Gallego Domínguez, arquiveira: A permanecia do seu legado no mundo profesional” na xornada “Mulleres e Historia” dedicada polo Consello da Cultura Galega a Dna Olga Gallego Domínguez en 2011.
Tamén ten publicados, individualmente ou en colaboración, algúns traballos sobre arquivos e documentos, como a primeira Guía do Arquivo Histórico Provincial de Lugo (1992), o catálogo de documentos sobre a muralla de Lugo en “A Muralla de Papel” (1992), os inventarios de diversos arquivos municipais editados pola Deputación Provincial de Pontevedra, ou distintos artigos sobre os fondos conservados no Arquivo Histórico Provincial de Lugo, como “Mapa da estruturación do territorio da provincia de Lugo segundo as respostas xerais do catastro do Marqués de la Ensenada” (2007), ”Lugo 1917-1970”, publicado en “Urbanismo en Lugo”, (2012), ou “Aproximación á organización territorial da provincia de Lugo segundo os Padróns Calle Hita que se custodian no AHP de Lugo”, Boletín Auriense de 2011-2012.