Catedrático xubilado de Biblioteconomía e Documentación da Universidade da Coruña. É doutor en Xeografía e Historia pola Universidade Complutense de Madrid; e documentalista pola Escola Nacional de Documentalistas (Madrid) Foi bolseiro do Stage Technique International d’Arquives (Paris, 1978), e da Bentley Historical Library, Ann Arbor ( Michigan, 1994).
Pertenceu ao Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos do Estado (Rama de Arquivos) desde 1974 a 1989 e de 1996 a 1997, e ao “ Corpo Facultativo Superior de Arquivos” da Xunta de Galicia desde 1989 a 1996; desempeñou os cargos de Director do Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra (1974-1985), do Arquivo do Reino de Galicia, na Coruña (1986-1995) e do Arquivo da Coroa de Aragón, en Barcelona (1996-1997).
Impulsou accións colaborativas, como a creación de Anabad Galicia. Foi vogal da Comisión de Arquivos da Xunta de Galicia, e o é da Comisión de Valoración de Documentos Administrativos da UDC (Universidade da Coruña). Preside a Fundación Olga Gallego
As súas actividades seguiron catro direccións fundamentais:
- 1º a investigación histórica, con estudos sobre a historia dos arquivos, as institucións e corporacións galegas, os ilustrados e as institucións culturais coruñesas, e as biografías de personaxes como Cornide, Murguía e Iglesias Brage. Entre outros traballos, citamos a súa tese doutoral A Real Audiencia e a conflitividade social en Galicia na Idade Moderna (2 v., 1994), publicado co título A Real Audiencia de Galicia e o Arquivo do Reino (1996), e as monografías José Cornide, o coruñés ilustrado (1997), e A Expedición Iglesias ao Amazonas (2001), o Rapto (sic) dos luteranos que queimaron en Valladolid en ... 1559 anos. O manuscrito do maxistral de Astorga e o seu contexto (2016). E o último, A investigación no ARG no século XX (2018, 2 versións, galega e castelá). Coordinou o Grupo de Investigación da UDC “A Herdanza da Ilustración”. Ten recoñecidos 5 tramos ( sexenios) de investigación pola CNEAI, e 6 da ACSUG ( 4 consolidados).
- 2º a teoría e a práctica arquivística: estudou os documentos de arquivo (2007), os sistemas de arquivos españois, e as políticas arquivísticas, e elaborado propostas e informes técnicos (1991, 2006) para a comunidade autónoma galega; e dirixiu ou realizou guías, catálogos e inventarios referentes ao Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra (1977), ao Arquivo do Reino de Galicia (1988), e ao Arquivo Xeral de Centro América (1991), en especial os catálogos de instrumentos de descrición documental, as guías temáticas, e os catálogos resultantes do proxecto de descrición informatizada do fondo da Real Audiencia, no Arquivo do Reino de Galicia, e o seu “ Archival Science in Spain between 1975 and 2005: a review”, en Archival Science (2007) 7: 245-287.
- 3º a docencia arquivística: foi asesor da sección de arquivos do Curso de Especialización en Ciencias Documentais, para post-licenciados, das Universidades de Lisboa, Coimbra e O Porto (1984), e impartiu a materia de Arquivística nas de Lisboa (1984 1986, 1989) e O Porto (1987, 1989, 1991, 1993), universidades coas que colaborou habitualmente; realizou asesorías e cursos no Arquivo Xeral de Centro América (Guatemala) (1988 e 1991) e no Arquivo Nacional de Panamá (1993); dirixiu a Escola de Arquivos do Arquivo do Reino de Galicia (1988 1990); e participou no Master de Arquivos da Universidade do País Vasco-Vitoria (1991, 1993, 1995), no Curso de Arquivos Permanentes da Universidade de Recife (Brasil) (1994) e na II e III Mestría en Xestión Documental e Administración de Arquivos da Universidade Internacional de Andalucía (2005; 2006), e o Master CALSI da Universidade Politécnica de Valencia, entre outras; e dirixiu o Master de Bibliotecas Escolares da Facultade de Humanidades da UDC (2007-2008). É autor de diversos manuais e estudos de arquivística e documentos de arquivo (1985, 1990, 1994, 2007); o último deles, O documento de arquivo. Un estudo (2007). Ten recoñecidos 2 quinquenios de docencia.
- 4º o asociacionismo, como membro da directiva da Anabad (Asociación Española de Arquiveiros, Bibliotecarios, Museólogos e Documentalistas), en diversas Xuntas, ata 1996; foi fundador e primeiro presidente de Anabad Galicia (1983 1986), e membro do Grupo de Traballo dos Documentos de Arquitectura do Consello Internacional de Arquivos (1989 1996), e do Grupo de Traballo de Arquiveiros de Galicia (2001-2021), entre outros varios.
Publicou como autor, coautor, coordinador, director, editor literario, ou colaborador, medio centenar de títulos entre libros (34) e capítulos de libros (79); un bo número de artigos de revista (88); e unha boa parte das súas comunicacións e relatorios a congresos (70 de 101); obras que versan sobre temas de historia moderna e contemporánea, biografías, bibliografía, documentación e documentos, arquivos e arquivística.
A Coruña, 27/04/2022