Pilar Gallego Domínguez[1]- Farmacéutica, decana da Sociedad Miño (filatélica), e presidenta de honra da Fundación Olga Galego.
Nacida en Ourense (1926) foi a menor de catro irmáns: Manuel (1921-2003) Luís (1922-2007), e Olga (1923-2010). Eran fillos de Pilar Domínguez Castro e de Manuel Gallego Lamas; en 1931 quedaron orfos de nai, e a súa tía materna, Corona, co seu marido, Antonio Cid Gallego, pasarán a vivir coa familia, sendo aquela unha segunda nai para os nenos.
O tío falecerá en 1968, o pai en 1971, e a tía en 1977. Os irmáns viviron xuntos - salvando o seu período de formación universitaria, e no caso de Olga, tras un primeiro destino en Vigo - ata os seus sucesivos falecementos. Estreitamente unidos, e todos solteiros, mantiveron unha actividade profesional e social independente, sendo moi coñecidos na cidade de Ourense[2]: Manuel como comerciante, Luís como pediatra[3], e Olga como arquiveira e historiadora.
Cursou Pilar estudos de primaria no Colexio de Don Ruperto, xunto cos seus irmáns, situado nos xardíns do Bispo Cesáreo, de Ourense.
En 1958, o domicilio familiar, na rúa Padre Feijóo, sufriu un incendio, quedando destruído, perdéndose mobles e documentos, e a consulta de Luís, recentemente instalado.
Estudou Pilar Farmacia en Santiago e Granada, e tras varios anos dedicados á docencia, estableceu a súa propia farmacia na rúa Marcelo Macias, un barrio periférico de Ourense, ata a súa xubilación.
A influencia de Pilar, e posiblemente de Luís, deixarase notar no interese de Olga Galego pola historia das enfermidades, as medidas curativas, hidrotermales e farmacolóxicas e os sistemas hospitalarios.
Moi afeccionada á filatelia e á numismática, é posuidora dunha importante colección de selos, bitolas e moedas (estas herdadas do seu irmán Luís), e ocúpase da organización da rica colección de selos do Bispado de Ourense, participando en cantas actividades programa a Sociedad Miño, da que é decana[4].
Entre as máis recentes, no 2013 acode á exposición San Martiño 2013, co tema “Aves rapaces”[5]; e a EXFIGALICIA 2014, “XXVII Mostra Filatélica de Galicia e Norte de Portugal”, que tivo lugar na Guarda, do 4 ao 12 de outubro de 2014, recibindo un premio na súa primeira exposición competitiva, no apartado coleccións de tres cadros co tema “Entre dos fronteras: Andorra”, que recibió 71 puntos[6]
O 17 de novembro de 2013, no Liceo de Ourense, recibiu a Medalla douro da Sociedad Filatélica, Numismática y Vitolfílica Miño, de Ourense “por su constante labor de difusión y apoyo a la filatelia y, sobre todo, su ayuda incondicional y desinteresada a la Sociedad Miño”[7].
Fixo doazón do arquivo-biblioteca da súa irmá Olga Galego á Xunta de Galicia, para a súa custodia no Arquivo de Galicia, en Santiago de Compostela, no ano 2012[8].
Ao pasamento da súa querida irmá, Pilar decide constituír unha fundación na súa memoria, que asuma un dobre compromiso: Por un lado, manter viva a memoria da ilustre arquiveira que foi Olga, e por outro, seguir o camiño marcado por ela de rigor e traballo nos arquivos e de apoio aos mozos e mozas que se achegan a este ámbito profesional.
O 24 de febreiro de 2014 outorgou escritura pública ante o notario José Manuel Lois Ponte, da Coruña, constituíndo a Fundación Olga Gallego, con fins de estudo e fomento dos arquivos, o patrimonio documental e a arquivística, e a formación dos profesionais dos arquivos[9].
O Padroado da Fundación nomeouna presidenta de honra na súa 1ª sesión, de 14 de marzo de 2014.
[1] Varios datos biográficos obtidos da páxina “Olga Gallego Domínguez. Cronologìa”, do Album de Mulleres do Consello da Cultura Galega (http://www.culturagalega.org/album/detallecartografia.php?ide=232. Consulta 5 xaneiro 2015)
[2] “A familia Gallego Domínguez”, no Blogue de Salgado, R. A. “Ourense non tempo. Imaxes, Lembranzas”, s.a. (http://ourensenotempo.blogspot.com.es/2010/11/familia-gallego-dominguez.html. Consulta o 5 xaneiro 2015).- “Os Gallego Domínguez de Ourense”, blogue de Ana Bande, 9 maio 2007 (http://anabande.blogspot.com.es/2007/05/Os -gallego-domnguez-de-ourense.html. Consulta 5 xaneiro 2015)
[3] Pola súa atención desinteresada a varias xeracións de pacientes, recibiu unha homenaxe do Concello ourensán, que lle dedicou un busto nunha praza anexa ao xardín de Posío. HUETE, Cristina. “Honras ao 'médico dos pobres'”. El País, 27 maio 2009. (http://elpais.com/diario/2009/05/27/galicia/1243419502_850215.html, consulta o 5 xaneiro 2015)
[4] “Acto de presentación del sello de Xocas”. Boletín Informativo de la Sociedad Filatélica, Numismática y Vitolfílica “Miño”. Ourense, nº 33 (agosto 2007). (http://sociedadmino.files.wordpress.com/2007/11/filamino.pdf. Consulta 5 xaneiro 2015)
[5] Lista de expositores (http://sociedadmino.files.wordpress.com/2007/11/listaxe-expositores1.pdf. Consulta 5 xaneiro 2015)
[6] “Palmarés de la Miño en Exfigalicia”, 13 outubro 2014
(https://sociedadmino.wordpress.com/category/inicio/page/2/. Consulta 5 xaneiro 2015).- “Exfigalicia... A Guarda 2014”. Sociedade Filatélica Numismática Guardesa (http://filateliaguardesa.blogspot.com.es/p/exfigalicia-2014.html. Consulta 5 xaneiro 2015).- “Palmarés de Exfigalicia 2014”, en Infogauda. Un espazo de información transfronteiriza (http://infogauda.blogspot.com.es/2014_10_13_arquive.html. Consulta 5 xaneiro 2015).- “Clausurada a Exfimiño 2014 coa entrega de premios aos gañadores”. Galicia Suroeste. Martes 14 outubro 2014. (http://www.galiciasuroeste.info/novas.htm. Consulta 5 xaneiro 2015).
[7] Sociedad Filatélica, Numismática, y Vitolfílica Miño, 18 noviembre 2013. (http://sociedadmino.wordpress.com/2013/11/18/medalla-de-oro-a-pilar-gallego/. Consulta el 5 enero 2014)
[8] http://arquivosdegalicia.xunta.es/portal/arquivo-de-galicia/content/actividades/actualidade/actual_0012.html?lang=é
[9] ORDE de 28 de maio de 2014 pola que se clasifica de interese cultural a Fundación Olga Galego (DOG nº 118, 23 xuño 2014. http://www.xunta.es/dog/publicados/2014/20140623/AnuncioG0244-130614-0002_é.html. Consulta 5 xaneiro 2015)